Somos mozos e non tan mozos, fillos e fillas, nais e pais, avós e avoas….somos xerocultoras, psicólogas, traballadoras sociais, terapeutas ocupacionais….somos persoas, cada unha coas súas características particulares e cunha historia de vida que contar, pero sobre todo, unha gran familia formada por un total de 27 persoas; 20 persoas usuarias e 7 traballadoras.

No CAPM de A Pobra do Caramiñal aprendemos a ser e a facer o que hoxe somos, xogando un papel fundamental as experiencias de vida das rúas da Pobra, dos compañeiros/as…pero sobre todo das nosas familias e como non, dos nosos maiores, Encontrámonos nunha pequena vila que pertence á comarca do Barbanza, rodeada polas montañas da Curotiña polo norte e das fermosas praias bañadas coa auga da Ría de Arousa polo sur.

Nos arredores do centro podemos gozar do “Paseo das Xunqueiras” que tanto lles presta aos maiores, deleitándose da súa paisaxe e do seu ecosistema. Na paradiña para descansar destes longos paseos, é o momento para recordar como esa zona estaba cuberta polo mar e a xente ía mariscar.